Danzar, dancei.
Foi unha entrega a ti. E non estabas.
Seducín a túa ausencia.
Apretaba o teu corpo ao sentir quente o vento
no xiro lento e grácil.
E fóronse caíndo a púrpura e o armiño,
a túnica de pérolas,
as sedas esvarantes,
o cendal serpentino,
a malla que finxía a propia carne,
o derradeiro veo...
E tamén fun eu deusa,
a deusa engadelada pola morte...
Pedín a túa vida e rexeitei un reino.
Os teus labios arelan a voz enmudecida,
os teus ollos anubran o espello dos meus ollos,
na túa boca calaron as serpes iracundas...
Agora, beixareite.
Miguel González Garcés
No hay comentarios:
Publicar un comentario